Sada
Sada é un dos municipios turísticos por excelencia de Galicia, poboación de tradición mariñeira e recanto de incomparable beleza situado a poucos quilómetros da cidade da Coruña. Á súa riqueza natural súmaselle unha gran variedade de servizos e diversións, coa posibilidade de practicar diversas actividades náuticas durante todo o ano, e unha gastronomía rica e variada que combina produtos típicos da ría e do campo.
En canto aos seus lugares de interese, os areais urbanos están rodeados por un paseo marítimo, desde o que se aprecia unha panorámica da ría, e a pouca distancia pódese gozar de numerosos establecementos hostaleiros e terrazas, sobre todo durante as datas estivais.
Ademais da grande importancia do porto deportivo, cun total de 900 amarres, o porto pesqueiro ten un gran peso na zona, xa que é o primeiro de Galicia en volume de pesca de sardiña. Sada acolle no mes de agosto A Sardiñada, festa de interese turístico nacional.
Tamén están vinculadas ao porto as famosas festas do Carme, que se celebran no mes de xullo e nas que os barcos se engalanan con flores e cruzan a ría en honor á patroa dos mariñeiros.
Referente aos seus tesouros naturais, destaca a fermosa lagoa das Brañas, en pleno centro da vila, polo seu amplo valor ecolóxico e paisaxístico.
A un paso do centro agardan o visitante praias e calas con magníficas vistas e dotadas dos mellores servizos. Destacan as de San Pedro e Cirro, óptimas para o baño, as de Arnela e Lourido, con area fina e óptima calidade das súas augas, e as praias de Morazón e das Delicias.
Merece tamén mención a arquitectura, con edificios de interese como A Terraza, situado no paseo marítimo e un dos mellores exemplos da arquitectura modernista galega. Foi construído a principios do século XX, serviu durante anos como apeadeiro do tranvía e actualmente é un restaurante-cafetería de obrigada visita.
Na zona encóntranse tamén nove pazos que datan de entre os séculos XVII e XIX, entre os que destaca o Pazo de Meirás, que constitúe unha bela mostra da arquitectura popular galega.
Hai que destacar, por último, o complexo cultural O Castro, dedicado á plástica galega, que é á vez un museo de arte contemporánea que acolle exposicións permanentes de autores galegos desde os anos 30.
|
Hoteis
|