Arteixo
Limítrofe coa capital de provincia, o concello de Arteixo está situado no extremo máis occidental do Golfo Ártabro, do que forman parte as rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol. Ofrécelle ao visitante unha fermosa combinación de mar e montaña, xunto cunha rica flora e fauna e monumentos como castros, igrexas románicas e pazos.
De Arteixo cómpre destacar as súas praias. As máis visitadas son as de Barrañán, As Combouzas e O Reiro, con augas moi limpas e area fina; outros areais máis pequenos son os de Area Grande, Area Pequena, Repibelo e o de Rañal. Pola súa banda, a praia de Alba-Sabón ofrece unhas características óptimas para practicar o surf.
Tamén merecen mención as igrexas, como a de Santa María de Pastoriza, orixinariamente románica e posteriormente barroca; e outras tamén románicas como as de San Tirso de Oseiro, Santa María de Lañas, Santo Estevo de Morás ou Santo Tomé de Monteagudo, entre outras.
En canto á gastronomía, ademais do bo peixe e marisco, son pratos destacados do inverno o lacón con grelos e o cocido galego, con chourizo, patacas, garavanzos, grelos, xamón e carne. Tamén son famosas as distintas clases de empanada artesá: de bacallau, bonito, carne, zamburiñas...
Entre outras celebracións cómpre mencionar a feira histórica Arteixo 1900, un evento cultural e lúdico que se celebra cada ano no mes de outubro. Esta feira pretende reproducir e conservar a etnografía popular de principios do século XX a través de representacións nas rúas, xogos populares, exposicións de produtos da época e a implicación de habitantes e visitantes, que son animados a lucir vestimentas adecuadas aos tempos que se rememoran.
|
Hoteis
|